Monday 29 de April de 2024

A Xunta abre o Ciclo Extraordinario de Conferencias e os Obradoiros Xuvenís e Familiares ao redor da exposición ” Picasso branco no recordo azul”


— O Museo de Belas Artes da Coruña acolle mañá xoves, 13 de abril, o relatorio Picasso, na hora da morte a cargo de Rubén Ventureira, un dos comisarios da mostra que abordará a relación do artista coa morte, cuxo primeiro contacto o tivo na Coruña

— A partir deste sábado comezan os obradoiros xuvenís e en familia, deseñados para coñecer e afondar no proceso creativo de Picasso

A Xunta de Galicia continúa conmemorando o 50 aniversario da morte de Picasso con diferentes actividades no marco da programación da exposición Picasso branco no recordo azul que organiza ata xuño no Museo de Belas Artes da Coruña. Así, mañá xoves, 13 de abril, Rubén Ventureira, un dos comisarios da mostra, ofrecerá a conferencia Picasso, na hora da morte na que abordará a relación do artista coa morte, cuxo primeiro contacto o tivo na Coruña, polo falecemento da súa irmá Conchita por difteria aos sete anos.

Rubén Ventureira explicará como este feito marcará a súa vida e obra e tamén falará da súa pintura relixiosa, as súas supersticións e os seus últimos autorretratos. A recepción do seu propio falecemento en España e a súa herdanza pecharán o relatorio. Será no auditorio do museo a partir das 20,00 horas e a entrada é libre ata completar aforo.

A programación paralela continuará a partir deste sábado, 15 de abril, cando comezan os obradoiros xuvenís e en familia. Están deseñados para coñecer e afondar na obra de Picasso a través dunha metodoloxía que pon o foco no proceso e non tanto no resultado final. Deste modo, xérase un espazo de diálogo entre os participantes para que poidan expresar os seus pensamentos e sentimentos sobre as diferentes obras do artista.

Actividades gratuítas
As actividades familiares están destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, que deberán ir acompañados por unha persoa adulta. Os participantes farán as súas propias creacións tomando como base as obras da exposición Picasso branco no recordo azul. Celebraranse os sábados 15, 22, e 29 de abril, 6, 13, 20 e 27 de maio e 3, 10 e 17 de xuño de 18,00 a 19,30 horas no Museo de Belas Artes da Coruña.

Os talleres xuvenís, pola súa banda, celebraranse os sábados 15, 22, e 29 de abril, 6, 13, 20 e 27 de maio, e 3, 10 e 17 de xuño de 12,00 a 13,30 horas no Museo de Belas Artes da Coruña. Está destinado a un público de entre 10 e 14 anos que, a través dun taller de cómic, analizará algunhas obras da mostra. Estas actividades son gratuítas previa inscrición no correo electrónico actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.

Visitas guiadas, en marcha
A programación ao redor da exposición Picasso branco no recordo azul continuará durante todo o mes e estenderase ata xuño con ciclos de cine e concertos, entre outras. Ademais, xa están en marcha as visitas guiadas previa inscrición, tanto para público xeral como para estudantes e tamén se celebrarán actividades especiais para público escolar en distintos niveis educativos e visitas especiais para o público adulto, dirixidas a distintos colectivos e asociacións, así como individuais, sempre previa reserva.

Con esta mostra repásase a pegada galega na traxectoria de Pablo Picasso. É a única exposición da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.
Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.